Monday 13 de May de 2024

O Concello de Lousame e Cruz Vermella organizarán cursos gratuítos para que os maiores aprendan a utilizar os seus móbiles


A primeira xornada terá lugar o martes 6 de marzo no local social do Sanguiñal

O Concello de Lousame e Cruz Vermella colaboran na organización de cursos gratuítos para que os maiores do municipio aprendan a sacarlle todo o partido aos seus teléfonos e dispositivos móbiles. Uns obradoiros abertos á participación de toda a veciñanza de Lousame maior de 60 anos e que serán totalmente de balde, previa inscrición no Concello (981 820 494).

Aínda que o Concello de Lousame e Cruz Vermella teñen previsto impartir este curso nos distintos locais sociais das parroquias, polo momento só está fixada a data da primeira sesión, que terá lugar no local social do Sanguiñal o próximo martes 6 de marzo, en horario de 9:45 a 11:15 horas. Durante ese tempo, os maiores coñecerán aplicacións sinxelas para os seus móbiles, así como trucos para manexarse mellor en redes sociais.

Este curso está enmarcado dentro da colaboración do Concello de Lousame e a Cruz Vermella, que ao longo do ano se traduce en actividades a prol do envellecemento activo da veciñanza co obxectivo de conseguir beneficios físicos e psíquicos para os maiores. As últimas iniciativas realizadas foron os obradoiros de máscaras de Entroido e os talleres de decoración de Nadal, que rexistraron unha participación media de máis de cincuenta persoas.